jueves, 17 de diciembre de 2009

Relatos de Medo. Autoras e autores: vós.


O pasado venres 27 de novembro concedéronse os tres premios e mais catro accésits aos relatos seleccionados entre os máis de 20 que se presentaron ao concurso de relatos de medo deste Samaín 2009.

Para que vexades que había calidade, aquí tedes o comezo dos tres gañadores.
Gozade coa lectura:

Xerezade Prieto (3ºA)
 Miriam e as súas amigas estaban ledas, este ano o Samaín caía en xoves, así que no instituto facían ponte e non regresarían á clase ata o luns. Os seus pais ían ir visitar a avoa e como Míriam non quería ir soa, xa que se aburría, decidiron levar tamén a Laura e Carla, as súas dúas amigas. As rapazas xa tiñan plans feitos, pasearían pola vila e irían ao baile de disfraces que facía a asociación de veciños. 
O traxecto dende Vigo ata Riobó durou apenas dúas horas, e seu pai veu rosmando durante todo o camiño, non entendía ese costume americano de disfrazarse na noite de defuntos; era unha noite para honrar os mortos non para bailes nin charangas. A medida que se achegaban á casa da avoa, o tempo ía cambiando, enormes  nubarróns ameazaban chuvia e tormenta e un vento forte e frío sopraba sen piedade (...)


Jennifer Pita (4ºDC)
MARZO
Estabamos os meus amigos e mais eu saíndo da clase, era un martes, e, como todos os martes, temos clase pola tarde, ese día non ía ser menos, quedamos ás tres e vinte na marquesiña: Maikel, Alba, Oni e Tamara. Eran asa tres e dez e eu xa estaba saíndo da casa, cando, de repente escoitei un berro; facíaseme moi coñecida a voz, achegueime e vin un home encapuchado levando a Alba por unha calella.
Fun averiguar quen era, entrei pola calella e mirei en todas as direccións. Ao mirar ao fondo, os ollos enchéronseme de bágoas... Alba estaba  morta!
Aquel home dogoláraa e cortáralle todo o corpo. Decidín saír correndo e ir avisar os meus amigos. Cheguei á marquesiña, estaban todos anoxados agardándome, incluída Alba, pero... como? Ou a min se me fora a cabeza ou eu mesma cos meus ollos a vira morta? (...)


Marcos Villa (3ºA) 
ÁNIMAS DE CARNE E ÓSO
Hai moitos anos, na posguerra, aínda existía a crenza da Santa Compaña, é dicir, críase que as ánimas dos mortos andaban polos montes durante a noite, e nesta época ocorreron feitos que vou narrar. Non é fantástica, senón unha de tantas lendas reais que forman parte do pobo galego.
En covas, unha aldea preto de Ferrol, o cura da parroquia, chamado don Modesto, do cal tiña pouco, pois lle gustaba o luxo e a boa vida, non conseguía moito diñeiro porque a xente non ofrecía misas aos seus defuntos ou quizais desexaba facerse rico deste modo.
Unha noite mentres ceaba acompañado da súa irmá e da súa criada, da que as malas linguas dicían que era a querida, queixábase do pouco crente que se vorvera a xente e que apenas rezaban polos seus defuntos, a súa irmá Milagros que tiña unha mente moi esperta e que era moi imaxinativa, quedouse pensativa uns poucos minutos e deseguida lle veu á mente unha idea que ao principio, tanto ao párroco como a súa criada lles pareceu estúpida, pero aquela mesma noite os tres non puideron durmir pensando como levar a cabo o estúpido plan aproveitándose da ignorancia e o temor dos fregueses.(...)

En breve, poderedes escoitar en Radio Catabois o contido íntegro dos sete mellores.

miércoles, 2 de diciembre de 2009

Santiago Lopo fálanos de GAME OVER



Este ano escolar, o primeiro autor que nos veu visitar foi Santiago Lopo. A que vemos agora dun xeito diferente o Game Over? A que xa non vos pareceu tan "lectura obrigatoria" como cando os profes vos anotamos o título no encerado?
Santigo Lopo falounos un pouco da súa experiencia como autor, das peculiaridades desta obra, dos seus personaxes, de Norberto Fernández, o ilustrador. Respondeu de moi bo grado todas as preguntas que lle fixemos. Tróuxonos a Breogán, a Dimitri, a Luís, a Fina..., mais tamén nos trouxo a Isaac Asimov, a Lewis Carrol, a María Reimóndez, a Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Manolo Rivas, Marcos Calveiro...
E como os bos e xenerosos, Santiago non só quixo estar cos 3º e 4º da ESO; concedeunos unha entrevista para a nosa radio. En breve, se entrades na páxina web do instituto, na ligazón Catabois Radio, teredes colgada a conversa que mantivo con tres das nosas xornalistas.

Pero sen dúbida, se tivese que concentrar a visita de Santiago nunha soa mensaxe súa, sería nesta:
"O mellor videoxogo tédelo vós na vosa imaxinación".

Hai toda unha literatura por descubrirdes, e por que non?, por escribirdes. Quen sabe, tal vez un día sexades vós as escritoras e escritores que nos fagades unha visita para falarnos da vosa obra.

Deica a vindeira peaxe, Santiago!

lunes, 16 de noviembre de 2009

CABAZAS PARA O DEPARTAMENTO DE LINGUA.

Non, non vaiades pensar que suspendimos.
Tampouco nos deron cabazas no amor.
Foron os nosos alumnos e alumnas os que nos trouxeron unhas fermosas cabazas para conmemorar este tempo de Samaín. Velaí as tedes.



Parabéns para o alumnado que concursou. E xa sabedes, para o ano demostrádenos outra vez a vosa arte.
Se queredes saber un pouco máis desta tradición, pedídenos no departarmento o libro de Rafael López Loureiro:  Samaín: a festa das caliveras. Nel, leredes fragmentos como este:
"Os celtas pagáns eran, como outros pobos norteños, cazadores de cabezas: levaban as cabezas dos seus inimigos a xeito de trofeos de guerra e pendurábanas todos fachendosos nas muradas das súas fortalezas e nas súas casas (...) crían que a cabeza era a morada do espírito, o verdadeiro centro do ser dunha persoa. Pendurando e venerando as cabezas dos seus inimigos pensaban que gañaban a protección dos poderes máxicos que posuían". "Cando se deixaron de usar auténticas cabezas humanas nos oficios relixiosos, pasáronse a construír réplicas en pedra, madeira, metal e óso, ás que se lle atribuían os mesmos poderes de protección. As coñecidas lanternas feitas de nabo na véspera de Santos (noutro tempo a antiga festividade de Samain) son un substituto das caveiras que en tempos se usaron. Sábese, de certo, que na idade de ferro se poñía unha vela dentro das cabezas, ao redor das fortalezas, nesta estación do ano que era a máis sinistra do ano céltico. Abofé que debía resultar arrepiante tal aparición, escintilando no medio da tenebrosa e espectral escuridade da noite".

miércoles, 4 de noviembre de 2009

Premios Pedrón de ouro.

Premios Pedrón de ouro. Certame de narración breve Modesto R. Figueirido. XXXII e XXXIII certame. Este é o subtítulo dunha das obras que o alumnado de 4º da ESO le para este primeiro trimestre.
No libro atoparedes os textos premiados e mais os accésits dos anos 2006 e 2007.

O premio otorgouse por vez primeira en 1976 co nome de ­Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro, pero á morte do seu creador, Modesto Rodríguez Figueiredo, bautizouse co seu nome. O certame caracterízase pola defensa e promoción da nosa cultura.

Agardaremos os vosos artigos e mais os vosos comentarios sobre os relatos que leades. Seredes vós quen nos faledes das autoras e autores que participaron neste certame.

jueves, 29 de octubre de 2009

Que cousa é cousa?

Alto me vexo
no meu capelexo;
por unha risada
perdín a miña anada.

Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón;
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel:
A ver se sabes que é?

Ten pelexo coma a xente
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.
Precisas algunha pista? Busca nos traballiños que están colgando os teus compañeiros e compañeiras polo corredor do instituto. 

E se queres ler estas e moitas máis adiviñas, pide o libro de Paco Martín na biblioteca.

SOLUCIÓNS ás adiviñas da corticeira da entrada: 
1, 2, 3, 4, 5, 8 e 9: o ourizo.
6, 7, 10 e 11: a castaña. 


jueves, 22 de octubre de 2009

Game over



Non, isto non se trata do remate dun xogo virtual. Nós falamos de libros. Pero as novas tecnoloxías e os libros, malia que o pareza, non están reñidos. E se non, preguntádelles ás vosas compañeiras e compañeiros de 3º da ESO, que como primeira lectura teñen a obra de Santiago Lopo: Game over. As súas páxinas transportaranvos a un mundo virtual, mellor dito, a unha cidade virtual da que loitará por saír Luís, catedrático de Literatura Inglesa e apaixonado polo xadrez a quen seus fillos lle regalan o xogo.




Deixádevos absorber vós tamén pola lectura e gozade coas ilustracións que Norberto Fernández creou para Game over.

martes, 20 de octubre de 2009

A banda sen futuro


Marilar Alexandre, desta volta fálanos de Carlota. Carlota comeza o curso escolar, pero este ano vai ser diferente. En primeiro lugar, terá que ir coa cabeza rapada por mor dunha enfermidade; en segundo lugar, o seu cantante favorito, Poch (cuxo primeiro grupo musical foi A banda sen futuro), morre. O retrato de Poch que ela ten no seu cuarto será o confidente do día a día de Carlota, sobre todo, do que lle acontece no instituto onde a miran como a un ser estraño e onde atopará as mellores amizades, algún que outro inimigo, quizais o amor...


A autora narra a historia sobre un fondo musical que acompaña a lectura desta novela desde o principio ata o remate.


Gozade coa lectura e comentádenos que vos pareceu.

lunes, 19 de octubre de 2009

Eu coma sempre.


En Eu, coma sempre, Cándido Casal preséntanos o mundo da infancia da man de Alfredo Manuel «Tucho», un rapaz de aldea que narra en primeira persoa a súa vida cotiá, a experiencia escolar, as súas aventuras cos compañeiros de xogos e os primeiros sentimentos amorosos. Segundo imos lendo, metémonos na propia pel de Tucho. Ides rir con el, si, mais tamén reflexionaredes sobre a vida, o amor, a amizade...


O autor: Deixemos que sexa el mesmo o que nos fale:

“Eu son o tal Cándido Casal, autor deste libriño (...). Hai xa máis de corenta anos que nacín nunha aldea moi chuliña da provincia de Ourense (...) Daquela aínda non había alí luz eléctrica nin teléfono nin outras moitas cousas que agora hai, pero eramos moitos rapaces e rapazas e divertiámonos moito a pesar de que tiñamos que traballar arreo, tanto na escola coma nas cousas do campo.”

Nada por aquí, nada por alá...



Como os grandes magos, o Departamento de Lingua e Literatura Galega quere preséntavos o seu mellor número: a maxia da lectura. E para iso abrimos este blogue-chisteira de onde iremos tirando os títulos das obras seleccionadas para este curso.


Gozade do espectáculo e, como non, comunicádenos a través dos vosos comentarios todas as impresións e suxestións que se vos ocorran.


Abride as vosas mentes ante os novos mundos que os libros nos ofrecen.