jueves, 7 de octubre de 2010

A PRAIA DOS AFOGADOS

A praia dos afogados. Velaiquí o primeiro título dos recomendados polo Departamento de Lingua para este curso 2010-2011.
Polo que vemos, os integrantes do Clube de Lectura xuvenil  xa saben algo deste libro. A eles e mais a vós, sobre todo aos de 4º, animámosvos a que vos adentredes na nosa novela negra a través da primeira obra en que Domingo Villar nos presenta o inspector Leo Caldas: Ollos de auga. Este libro tamén está na biblioteca.

Coma sempre, aquí tedes o voso espazo para opinardes sobre esta lectura.
Deixámosvos dous interrogantes:
O Rubio, suicidio ou asasinato?
Quen é Carlos Oroza?

Gozade coa lectura.

viernes, 1 de octubre de 2010

OS ELFOS FALAN GALEGO

E seguimos coas linguas. Acaban de chegarnos á biblioteca os dous primeiros libros da triloxía de James Herbert "Herbie" Brennan, traducidos xa a máis de vinte idiomas.

Este irlandés, xornalista e deseñador de xogos de mesa e programas informáticos, trasládanos a un mundo de fantasía con personaxes completamente verosímiles.

N'O portal dos elfos, o príncipe herdeiro deste reino ten que fuxir ao mundo dos humanos para salvar a vida. O problema xorde cando os seus inimigos sabotan o portal máxico que debía transportar a Pyrgus e non aparece onde el pensaba.

N'O Emperador Púrpura, Pyrgus, o príncipe herdeiro, ocupa o lugar de Emperador cando morre seu pai. Mais este volve do alén e Pyrgus e a princesa HollY Blue deben evitar que o reino caia nas mans dos malvados elfos da noite.