jueves, 6 de octubre de 2011

XOELIKI, UN CIBERPIRATA BO

Na contraportada lemos:

"Xoeliki é un neno de once anos introvertido e tímido. Xoga aos videoxogos on-line e bota horas chateando na Internet. Pasa moito tempo só porque a nai traballa todo o día e o pai morreu hai uns anos. A vida de Xoeliki é moi rutineira, xira arredor da casa e do colexio (...)"

Pero un día, dinlle que un virus moi perigoso deixará inutilizables todos os ordenadores do colexio se non se atopa un antídoto antes das doce da noite dese día.
Que poderá facer el?
Que hai no paquete sorpresa que recibe?
Quen lle di:
N 30 MIN SPROT N VAR D LADO D TÚA DSA.É URXNT.SON 1 BLLO AMIGO D TEU PAI?

Quen é Xoeliki?
Se queres saber máis deste rapaz e se os ordenadores perderon toda a memoria, ven á biblioteca. Xa temos o libro á túa disposición.

Visita a súa páxina e entra na rede social Tesouros Piratas.
Tamén lles podes escribir aos propios autores do libro: Abraham Carreiro e Maties Segura.

miércoles, 5 de octubre de 2011

ABERTO

Velaí tedes o cartel.

Xa está aberta a biblioteca e, como vén sendo habitual, non só ofrecerá os seus servizos de empréstito, tamén atoparedes un espazo onde reunirvos e falar sobre libros no clube de lectura;
un espazo onde buscar información na rede para os vosos traballos;
un espazo onde concursar e gañar ou participar;
un espazo onde viaxar coa lectura...,
un espazo onde a nosa lingua tamén é protagonista.

Desde este blogue irémosvos presentando as novidades e as noticias de interese que xiren ao redor do idioma.

Benvidas e benvidos

viernes, 20 de mayo de 2011

Vivamos Lois Pereiro

Poderíano escoller como epitafio
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar no que eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.

Poesía última de amor e enfermidade (1958- 1996)





Sen dúbida, estes versos arelantes de vida son dos que máis navegan pola rede neste maio das Letras.
Para o noso alumnado de 4º da ESO, que os coñecen ben, achegámoslles estoutros cos que Marica Campo lle resposta ao autor monfortino.

A Lois Pereiro, in memoriam

Cuspiríache pétalos, Pereiro,
pombas che cuspiría como salmos,
un río Mao de sombro, serpe ou vea
a baleirarse azul na túa boca.
estrelas incendiadas contra a noite,

Cuspiríache tempo nas pupilas,
raíces de zugar buscando a auga
na transparencia pura dos orballos.

Cuspiríache a furia que nos pides,
a necesaria furia, o fondo abraio,
a mensaxe de vida que reclamas.

Mais ti non vas na sombra, ti non morres,
a luz anda contigo, reverdeces
na vertixe da dor e da terrura,
no alemto dos teus versos, na palabra
que molla o cuspe teu, tan poderoso.

Non cómpre un epitafio, non hai morte,
todo treme no amor do teu recordo,
víbrache enteiro o sangue cando cantas.

Ancorou no teu corpo a eternidade,
o sol que non se apaga aluma o día
en que a vida que foi rotouna nova.

Somos nós quen pedimos que o teu cuspe
siga quentando o mundo, os mil Chiapas,
a loitar polas víctimas de sempre,
que todos somos Marcos deixas dito,
e non se perde voz que quixo tanto.
(23-V-2000)