Este ano escolar, o primeiro autor que nos veu visitar foi Santiago Lopo. A que vemos agora dun xeito diferente o Game Over? A que xa non vos pareceu tan "lectura obrigatoria" como cando os profes vos anotamos o título no encerado?
Santigo Lopo falounos un pouco da súa experiencia como autor, das peculiaridades desta obra, dos seus personaxes, de Norberto Fernández, o ilustrador. Respondeu de moi bo grado todas as preguntas que lle fixemos. Tróuxonos a Breogán, a Dimitri, a Luís, a Fina..., mais tamén nos trouxo a Isaac Asimov, a Lewis Carrol, a María Reimóndez, a Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Manolo Rivas, Marcos Calveiro...
E como os bos e xenerosos, Santiago non só quixo estar cos 3º e 4º da ESO; concedeunos unha entrevista para a nosa radio. En breve, se entrades na páxina web do instituto, na ligazón Catabois Radio, teredes colgada a conversa que mantivo con tres das nosas xornalistas.
Pero sen dúbida, se tivese que concentrar a visita de Santiago nunha soa mensaxe súa, sería nesta:
"O mellor videoxogo tédelo vós na vosa imaxinación".
Hai toda unha literatura por descubrirdes, e por que non?, por escribirdes. Quen sabe, tal vez un día sexades vós as escritoras e escritores que nos fagades unha visita para falarnos da vosa obra.
Deica a vindeira peaxe, Santiago!
No hay comentarios:
Publicar un comentario