jueves, 25 de febrero de 2010

A sombra cazadora

 O grande irmán espreita, ese ollo que todo o ve está en todas e cada unha das pantallas que poboan a cidade. 
Dous irmáns, Clara e Teseo, serán (únicos individuos que viven afastados da hinopse dos monitores) os que saian alá fóra á procura da destrución do mal. Eles, con todo, tampouco son puros, pois a pesar do afastamento social en que se criaron, hai unha importante razón que só lles será desvendada así que Clara consiga a maioría de idade. 
O camiño está cheo de obstáculos, pois no exterior instalouse o pavor, a opresión, a dexeneración e a deshumanización. Mais a solución, sen dúbida, ha de vir da man dos que non están pervertidos polo mal, polas mensaxes delirantes da Imaxe.  
Agora que tan de moda esstán os realitis,  recomendámosvos esta lectura de Suso de Toro. Xa nos contaredes... E se queredes ler máis del, clicade aquí, atoparedes  outros títulos á vosa disposición.

jueves, 18 de febrero de 2010

Peaxes. Santiago Lopo.

Lembrades a visita que nos fixo Santiago Lopo para falarnos de Game Over?
Pois segundo parece, si que nos deixou bo sabor de boca, e animou a máis de un para ler a súa última publicación: Peaxes.
Aquí deixámosvos a opinión Carlos Giovanni de 3º B sobre esta obra.

Peaxes é unha descrición da visión da vida que ten un caixeiro de peaxe de autoestrada. Este libro ten temas diversos cos que Santiago Lopo nos mostra o mundo desde outra perspectiva. Tmas de amor, drama... e tamén se toca o tema da psicoloxía. Non vos vou desvelar todo o argumento. É mellor que o leades. mestura o que pensa o caixeiro da peaxe co que pode ser a vida dos clientes que el ve pasar por ela.
Eu recoméndolle este libro a todos os que lles guste o inesperado, o amor e, sobre todo,  a vida cotiá. 

Con esta novela, ás veces podédesvos rir coas ilusións da xente, cos seus defectos..., en fin coa historia dun caixeiro que nos amosa o seu traballo desde unha peaxe da autoestrada da Coruña. 

Ler non é aburrido. Aprendes a ver o mundo doutro xeito.

Carlos G. Batista Couselo. 3º ESO B

miércoles, 3 de febrero de 2010

Resistencia

Resistencia, resistencia clandestina antifascista durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano. Portugal desde os anos vinte ata os noventa do século XX. Este é o momento histórico e social que Rosa Aneiros buscou para esta obra, o marco dun bo número de historias de amores afastados, entre as que salientan a de Dinís –un obreiro da fábrica de vidro– e Filipa –filla dun rico comerciante de Coimbra–. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen pensar nas consecuencias. E, no medio, a Revolución dos Caraveis.

A militancia política dos nosos protagonistas
  • "non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.  Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. Novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer; Resistencia é, pois, toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio".      [presentación editorial]
Cun só clic atoparedes máis libros desta ferrolá.

Seica esta lectura engancha. E vós, que nos contades dela?

jueves, 28 de enero de 2010

Os Megatoxos


 Para este segundo trimestre, os de 1º e 2º da ESO ides compartir autor.
Anxo Fariña iravos guiando da man de Ruxe, Lúa, Faísca e Ninfa, pola nosa Historia.

Nos Megatoxos atoparedes acción, superpoderes, intriga, monstros, compañeirismo, celtas, mosteiros medievais, labirintos, chaves secretas, templarios, amor...
Velaquí os tres títulos que xa van publicados:




Reparade nas portadas. Decatádevos de como van medrando os protagonistas libro a libro? Tres aventuras en tres anos escolares.

Gozade coa lectura.
Cal deles vos gustou máis?








Anotade todas as preguntas que teñades sobre os Megatoxos, xa que cara á fin do trimestre contaremos coa visita do autor.

miércoles, 27 de enero de 2010

Aire negro


Agustín Fernández Paz vai tecendo arredor de Laura Novo toda unha estraña historia da que non seremos capaces de desengancharnos. Recluída nunha clínica psiquiátrica, trastornada por unha forte impresión que a deixou sen fala, haberá de ser un doutor recén chegado, Víctor Moldes, quen lle vaia pondo sentido e traendo de novo á consciencia á rapaza. Laura, logo de que Víctor Moldes gañe a súa confianza, escribirá todo canto lle acontecera antes de chegar a aquela situación extrema. O feito de se recluír nunha casa rural da Terra Chá para poder redactar a súa tese de doutoramento fora o que o condicionara todo. 
Nunha mestura entre o xénero fantástico e o de terror: episodios extraordinarios, crenzas populares, un ser do outro mundo... conseguirán arrastra a Laura á situación en que agora está e que aínda non concluíu. 
Intensa e desacougante historia de amor.
Se Aire negro é a vosa elección para o libro deste trimestre, comentádenos se vos gustou ou non.


jueves, 17 de diciembre de 2009

Relatos de Medo. Autoras e autores: vós.


O pasado venres 27 de novembro concedéronse os tres premios e mais catro accésits aos relatos seleccionados entre os máis de 20 que se presentaron ao concurso de relatos de medo deste Samaín 2009.

Para que vexades que había calidade, aquí tedes o comezo dos tres gañadores.
Gozade coa lectura:

Xerezade Prieto (3ºA)
 Miriam e as súas amigas estaban ledas, este ano o Samaín caía en xoves, así que no instituto facían ponte e non regresarían á clase ata o luns. Os seus pais ían ir visitar a avoa e como Míriam non quería ir soa, xa que se aburría, decidiron levar tamén a Laura e Carla, as súas dúas amigas. As rapazas xa tiñan plans feitos, pasearían pola vila e irían ao baile de disfraces que facía a asociación de veciños. 
O traxecto dende Vigo ata Riobó durou apenas dúas horas, e seu pai veu rosmando durante todo o camiño, non entendía ese costume americano de disfrazarse na noite de defuntos; era unha noite para honrar os mortos non para bailes nin charangas. A medida que se achegaban á casa da avoa, o tempo ía cambiando, enormes  nubarróns ameazaban chuvia e tormenta e un vento forte e frío sopraba sen piedade (...)


Jennifer Pita (4ºDC)
MARZO
Estabamos os meus amigos e mais eu saíndo da clase, era un martes, e, como todos os martes, temos clase pola tarde, ese día non ía ser menos, quedamos ás tres e vinte na marquesiña: Maikel, Alba, Oni e Tamara. Eran asa tres e dez e eu xa estaba saíndo da casa, cando, de repente escoitei un berro; facíaseme moi coñecida a voz, achegueime e vin un home encapuchado levando a Alba por unha calella.
Fun averiguar quen era, entrei pola calella e mirei en todas as direccións. Ao mirar ao fondo, os ollos enchéronseme de bágoas... Alba estaba  morta!
Aquel home dogoláraa e cortáralle todo o corpo. Decidín saír correndo e ir avisar os meus amigos. Cheguei á marquesiña, estaban todos anoxados agardándome, incluída Alba, pero... como? Ou a min se me fora a cabeza ou eu mesma cos meus ollos a vira morta? (...)


Marcos Villa (3ºA) 
ÁNIMAS DE CARNE E ÓSO
Hai moitos anos, na posguerra, aínda existía a crenza da Santa Compaña, é dicir, críase que as ánimas dos mortos andaban polos montes durante a noite, e nesta época ocorreron feitos que vou narrar. Non é fantástica, senón unha de tantas lendas reais que forman parte do pobo galego.
En covas, unha aldea preto de Ferrol, o cura da parroquia, chamado don Modesto, do cal tiña pouco, pois lle gustaba o luxo e a boa vida, non conseguía moito diñeiro porque a xente non ofrecía misas aos seus defuntos ou quizais desexaba facerse rico deste modo.
Unha noite mentres ceaba acompañado da súa irmá e da súa criada, da que as malas linguas dicían que era a querida, queixábase do pouco crente que se vorvera a xente e que apenas rezaban polos seus defuntos, a súa irmá Milagros que tiña unha mente moi esperta e que era moi imaxinativa, quedouse pensativa uns poucos minutos e deseguida lle veu á mente unha idea que ao principio, tanto ao párroco como a súa criada lles pareceu estúpida, pero aquela mesma noite os tres non puideron durmir pensando como levar a cabo o estúpido plan aproveitándose da ignorancia e o temor dos fregueses.(...)

En breve, poderedes escoitar en Radio Catabois o contido íntegro dos sete mellores.

miércoles, 2 de diciembre de 2009

Santiago Lopo fálanos de GAME OVER



Este ano escolar, o primeiro autor que nos veu visitar foi Santiago Lopo. A que vemos agora dun xeito diferente o Game Over? A que xa non vos pareceu tan "lectura obrigatoria" como cando os profes vos anotamos o título no encerado?
Santigo Lopo falounos un pouco da súa experiencia como autor, das peculiaridades desta obra, dos seus personaxes, de Norberto Fernández, o ilustrador. Respondeu de moi bo grado todas as preguntas que lle fixemos. Tróuxonos a Breogán, a Dimitri, a Luís, a Fina..., mais tamén nos trouxo a Isaac Asimov, a Lewis Carrol, a María Reimóndez, a Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Manolo Rivas, Marcos Calveiro...
E como os bos e xenerosos, Santiago non só quixo estar cos 3º e 4º da ESO; concedeunos unha entrevista para a nosa radio. En breve, se entrades na páxina web do instituto, na ligazón Catabois Radio, teredes colgada a conversa que mantivo con tres das nosas xornalistas.

Pero sen dúbida, se tivese que concentrar a visita de Santiago nunha soa mensaxe súa, sería nesta:
"O mellor videoxogo tédelo vós na vosa imaxinación".

Hai toda unha literatura por descubrirdes, e por que non?, por escribirdes. Quen sabe, tal vez un día sexades vós as escritoras e escritores que nos fagades unha visita para falarnos da vosa obra.

Deica a vindeira peaxe, Santiago!