miércoles, 29 de febrero de 2012

FEBREIRO ROSALIANO

Non podemos, e non queremos, deixar rematar este mes sen o noso graíño na celebración do 24 de febrero, día de Rosalía. E xa que estamos no ano en que conmemoramos o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, achegámosvos o poema que a escritora lle inspirou ao de Celanova.

DECIMOS ROSALÍA

Decimos Rosalía
i alcéndese un espello
na noite largacía.

Na noite ensimesmada
cai un orvallo escuro
de auga lenta e calada.

De auga lenta de pranto:
os nosos ollos son fontes
de tanto chorar tanto.

De tanto vao laído,
polas serras e vales
pasa un vento ferido.

Pasa un río entoldado,
que o entoldóu un tempo
de renuncia humildado.

De renuncia está feito
o puñal que levamos
espetado no peito.

Espetado en ringleiras
dos galegos que marchan
prás terras estranxeiras.

Decimos Rosalía
i o corazón da matria
sangra na noite fría.

Outro Celanovés, Curros Enríquez, coetáneo da autora,deixounos o famoso "A Rosalía". 

E coma sempre, na biblioteca tamén atoparedes esta grande escritora do noso Rexurdimento.