jueves, 29 de octubre de 2009

Que cousa é cousa?

Alto me vexo
no meu capelexo;
por unha risada
perdín a miña anada.

Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón;
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel:
A ver se sabes que é?

Ten pelexo coma a xente
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tes.
Precisas algunha pista? Busca nos traballiños que están colgando os teus compañeiros e compañeiras polo corredor do instituto. 

E se queres ler estas e moitas máis adiviñas, pide o libro de Paco Martín na biblioteca.

SOLUCIÓNS ás adiviñas da corticeira da entrada: 
1, 2, 3, 4, 5, 8 e 9: o ourizo.
6, 7, 10 e 11: a castaña. 


jueves, 22 de octubre de 2009

Game over



Non, isto non se trata do remate dun xogo virtual. Nós falamos de libros. Pero as novas tecnoloxías e os libros, malia que o pareza, non están reñidos. E se non, preguntádelles ás vosas compañeiras e compañeiros de 3º da ESO, que como primeira lectura teñen a obra de Santiago Lopo: Game over. As súas páxinas transportaranvos a un mundo virtual, mellor dito, a unha cidade virtual da que loitará por saír Luís, catedrático de Literatura Inglesa e apaixonado polo xadrez a quen seus fillos lle regalan o xogo.




Deixádevos absorber vós tamén pola lectura e gozade coas ilustracións que Norberto Fernández creou para Game over.

martes, 20 de octubre de 2009

A banda sen futuro


Marilar Alexandre, desta volta fálanos de Carlota. Carlota comeza o curso escolar, pero este ano vai ser diferente. En primeiro lugar, terá que ir coa cabeza rapada por mor dunha enfermidade; en segundo lugar, o seu cantante favorito, Poch (cuxo primeiro grupo musical foi A banda sen futuro), morre. O retrato de Poch que ela ten no seu cuarto será o confidente do día a día de Carlota, sobre todo, do que lle acontece no instituto onde a miran como a un ser estraño e onde atopará as mellores amizades, algún que outro inimigo, quizais o amor...


A autora narra a historia sobre un fondo musical que acompaña a lectura desta novela desde o principio ata o remate.


Gozade coa lectura e comentádenos que vos pareceu.

lunes, 19 de octubre de 2009

Eu coma sempre.


En Eu, coma sempre, Cándido Casal preséntanos o mundo da infancia da man de Alfredo Manuel «Tucho», un rapaz de aldea que narra en primeira persoa a súa vida cotiá, a experiencia escolar, as súas aventuras cos compañeiros de xogos e os primeiros sentimentos amorosos. Segundo imos lendo, metémonos na propia pel de Tucho. Ides rir con el, si, mais tamén reflexionaredes sobre a vida, o amor, a amizade...


O autor: Deixemos que sexa el mesmo o que nos fale:

“Eu son o tal Cándido Casal, autor deste libriño (...). Hai xa máis de corenta anos que nacín nunha aldea moi chuliña da provincia de Ourense (...) Daquela aínda non había alí luz eléctrica nin teléfono nin outras moitas cousas que agora hai, pero eramos moitos rapaces e rapazas e divertiámonos moito a pesar de que tiñamos que traballar arreo, tanto na escola coma nas cousas do campo.”

Nada por aquí, nada por alá...



Como os grandes magos, o Departamento de Lingua e Literatura Galega quere preséntavos o seu mellor número: a maxia da lectura. E para iso abrimos este blogue-chisteira de onde iremos tirando os títulos das obras seleccionadas para este curso.


Gozade do espectáculo e, como non, comunicádenos a través dos vosos comentarios todas as impresións e suxestións que se vos ocorran.


Abride as vosas mentes ante os novos mundos que os libros nos ofrecen.