Mostrando entradas con la etiqueta 4º ESO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 4º ESO. Mostrar todas las entradas

viernes, 20 de mayo de 2011

Vivamos Lois Pereiro

Poderíano escoller como epitafio
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar no que eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.

Poesía última de amor e enfermidade (1958- 1996)





Sen dúbida, estes versos arelantes de vida son dos que máis navegan pola rede neste maio das Letras.
Para o noso alumnado de 4º da ESO, que os coñecen ben, achegámoslles estoutros cos que Marica Campo lle resposta ao autor monfortino.

A Lois Pereiro, in memoriam

Cuspiríache pétalos, Pereiro,
pombas che cuspiría como salmos,
un río Mao de sombro, serpe ou vea
a baleirarse azul na túa boca.
estrelas incendiadas contra a noite,

Cuspiríache tempo nas pupilas,
raíces de zugar buscando a auga
na transparencia pura dos orballos.

Cuspiríache a furia que nos pides,
a necesaria furia, o fondo abraio,
a mensaxe de vida que reclamas.

Mais ti non vas na sombra, ti non morres,
a luz anda contigo, reverdeces
na vertixe da dor e da terrura,
no alemto dos teus versos, na palabra
que molla o cuspe teu, tan poderoso.

Non cómpre un epitafio, non hai morte,
todo treme no amor do teu recordo,
víbrache enteiro o sangue cando cantas.

Ancorou no teu corpo a eternidade,
o sol que non se apaga aluma o día
en que a vida que foi rotouna nova.

Somos nós quen pedimos que o teu cuspe
siga quentando o mundo, os mil Chiapas,
a loitar polas víctimas de sempre,
que todos somos Marcos deixas dito,
e non se perde voz que quixo tanto.
(23-V-2000)

jueves, 7 de octubre de 2010

A PRAIA DOS AFOGADOS

A praia dos afogados. Velaiquí o primeiro título dos recomendados polo Departamento de Lingua para este curso 2010-2011.
Polo que vemos, os integrantes do Clube de Lectura xuvenil  xa saben algo deste libro. A eles e mais a vós, sobre todo aos de 4º, animámosvos a que vos adentredes na nosa novela negra a través da primeira obra en que Domingo Villar nos presenta o inspector Leo Caldas: Ollos de auga. Este libro tamén está na biblioteca.

Coma sempre, aquí tedes o voso espazo para opinardes sobre esta lectura.
Deixámosvos dous interrogantes:
O Rubio, suicidio ou asasinato?
Quen é Carlos Oroza?

Gozade coa lectura.

viernes, 28 de mayo de 2010

REGUEIFEANDO

Que treme a nosa literatura popular, que no IES Catabois temos unha canteira de regueifeiras e regueifeiros que dá xenio velos. Mirade xa que carteliño de benvida lles tiñan preparado ao Luís o Caruncho e mais a Josiño da Toxeira.

Queredes unha mostra do que aprendeu o noso alumnado?


Messi levou o balón
meteu tres na portería
acabou vendo o partido
porque foi á enfermería.


Aprenderon a orixe da regueifa, a arte de combinar versos octosílabos con rima asoante nos impares sen ter que chapar ningunha teoría. Aprenderon o importante que é o ritmo que imprime a música. Aprenderon a valorar o seu propio inxenio e capacidades para compoñer. Velaí outra regueifa:


Temos que coidar o idioma
para non o estragar
porque de seguir así
perderemos o falar

viernes, 21 de mayo de 2010

Aquí vén o maio... Vós trouxéstesnos o maio

Si, vós, o alumnado de 4º da ESO, un ano máis cubristes de primavera o frío arame.
Dámoslles as grazas tamén a todas e a todos aqueles que nos trouxestes flores e "verde" para o maio do IES Catabois.
O Departamento de Lingua e Literatura déixavos "O Maio" de Curros Enríquez.
E se queredes escoitalo feito canción entrade neste aquí.
Aquí vén o maio
de frores cuberto....
puxéronse á porta
catándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.

Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de dono liberto
i o pan no me quiten
trabucos nin préstemos,
e como’os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

miércoles, 3 de marzo de 2010

Ás de bolboreta



Se clicades na imaxe, nas paredes do bar Luzada veredes as cidades polas que Rosa Aneiros nos vai transportar nas súas ás de bolboreta. Se aínda sodes máis sagaces, descubriredes detrás do Luzada un mapamundi onde está Europa, Asia, África... E, se entrades no Luzada e sentades de vagar nunha das súas mesas, de seguro que seredes protagonistas do microuniverso que Patricia sustenta con cafés gorentosos, cañas rebosantes de escuma de mar e tapas recendendo a tolerancia, inquietudes, amor...

O Departamento de Lingua convídavos, e dun xeito especial convida o clube de ectura xuvenil, a un refresco no Luzada, de seguro que vos convertedes en seareiros.

jueves, 25 de febrero de 2010

A sombra cazadora

 O grande irmán espreita, ese ollo que todo o ve está en todas e cada unha das pantallas que poboan a cidade. 
Dous irmáns, Clara e Teseo, serán (únicos individuos que viven afastados da hinopse dos monitores) os que saian alá fóra á procura da destrución do mal. Eles, con todo, tampouco son puros, pois a pesar do afastamento social en que se criaron, hai unha importante razón que só lles será desvendada así que Clara consiga a maioría de idade. 
O camiño está cheo de obstáculos, pois no exterior instalouse o pavor, a opresión, a dexeneración e a deshumanización. Mais a solución, sen dúbida, ha de vir da man dos que non están pervertidos polo mal, polas mensaxes delirantes da Imaxe.  
Agora que tan de moda esstán os realitis,  recomendámosvos esta lectura de Suso de Toro. Xa nos contaredes... E se queredes ler máis del, clicade aquí, atoparedes  outros títulos á vosa disposición.

jueves, 18 de febrero de 2010

Peaxes. Santiago Lopo.

Lembrades a visita que nos fixo Santiago Lopo para falarnos de Game Over?
Pois segundo parece, si que nos deixou bo sabor de boca, e animou a máis de un para ler a súa última publicación: Peaxes.
Aquí deixámosvos a opinión Carlos Giovanni de 3º B sobre esta obra.

Peaxes é unha descrición da visión da vida que ten un caixeiro de peaxe de autoestrada. Este libro ten temas diversos cos que Santiago Lopo nos mostra o mundo desde outra perspectiva. Tmas de amor, drama... e tamén se toca o tema da psicoloxía. Non vos vou desvelar todo o argumento. É mellor que o leades. mestura o que pensa o caixeiro da peaxe co que pode ser a vida dos clientes que el ve pasar por ela.
Eu recoméndolle este libro a todos os que lles guste o inesperado, o amor e, sobre todo,  a vida cotiá. 

Con esta novela, ás veces podédesvos rir coas ilusións da xente, cos seus defectos..., en fin coa historia dun caixeiro que nos amosa o seu traballo desde unha peaxe da autoestrada da Coruña. 

Ler non é aburrido. Aprendes a ver o mundo doutro xeito.

Carlos G. Batista Couselo. 3º ESO B

miércoles, 3 de febrero de 2010

Resistencia

Resistencia, resistencia clandestina antifascista durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano. Portugal desde os anos vinte ata os noventa do século XX. Este é o momento histórico e social que Rosa Aneiros buscou para esta obra, o marco dun bo número de historias de amores afastados, entre as que salientan a de Dinís –un obreiro da fábrica de vidro– e Filipa –filla dun rico comerciante de Coimbra–. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen pensar nas consecuencias. E, no medio, a Revolución dos Caraveis.

A militancia política dos nosos protagonistas
  • "non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.  Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. Novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer; Resistencia é, pois, toda unha singradura a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio".      [presentación editorial]
Cun só clic atoparedes máis libros desta ferrolá.

Seica esta lectura engancha. E vós, que nos contades dela?

miércoles, 2 de diciembre de 2009

Santiago Lopo fálanos de GAME OVER



Este ano escolar, o primeiro autor que nos veu visitar foi Santiago Lopo. A que vemos agora dun xeito diferente o Game Over? A que xa non vos pareceu tan "lectura obrigatoria" como cando os profes vos anotamos o título no encerado?
Santigo Lopo falounos un pouco da súa experiencia como autor, das peculiaridades desta obra, dos seus personaxes, de Norberto Fernández, o ilustrador. Respondeu de moi bo grado todas as preguntas que lle fixemos. Tróuxonos a Breogán, a Dimitri, a Luís, a Fina..., mais tamén nos trouxo a Isaac Asimov, a Lewis Carrol, a María Reimóndez, a Bernardo Atxaga, Suso de Toro, Manolo Rivas, Marcos Calveiro...
E como os bos e xenerosos, Santiago non só quixo estar cos 3º e 4º da ESO; concedeunos unha entrevista para a nosa radio. En breve, se entrades na páxina web do instituto, na ligazón Catabois Radio, teredes colgada a conversa que mantivo con tres das nosas xornalistas.

Pero sen dúbida, se tivese que concentrar a visita de Santiago nunha soa mensaxe súa, sería nesta:
"O mellor videoxogo tédelo vós na vosa imaxinación".

Hai toda unha literatura por descubrirdes, e por que non?, por escribirdes. Quen sabe, tal vez un día sexades vós as escritoras e escritores que nos fagades unha visita para falarnos da vosa obra.

Deica a vindeira peaxe, Santiago!

miércoles, 4 de noviembre de 2009

Premios Pedrón de ouro.

Premios Pedrón de ouro. Certame de narración breve Modesto R. Figueirido. XXXII e XXXIII certame. Este é o subtítulo dunha das obras que o alumnado de 4º da ESO le para este primeiro trimestre.
No libro atoparedes os textos premiados e mais os accésits dos anos 2006 e 2007.

O premio otorgouse por vez primeira en 1976 co nome de ­Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro, pero á morte do seu creador, Modesto Rodríguez Figueiredo, bautizouse co seu nome. O certame caracterízase pola defensa e promoción da nosa cultura.

Agardaremos os vosos artigos e mais os vosos comentarios sobre os relatos que leades. Seredes vós quen nos faledes das autoras e autores que participaron neste certame.