viernes, 20 de mayo de 2011

Vivamos Lois Pereiro

Poderíano escoller como epitafio
Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar no que eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.

Poesía última de amor e enfermidade (1958- 1996)





Sen dúbida, estes versos arelantes de vida son dos que máis navegan pola rede neste maio das Letras.
Para o noso alumnado de 4º da ESO, que os coñecen ben, achegámoslles estoutros cos que Marica Campo lle resposta ao autor monfortino.

A Lois Pereiro, in memoriam

Cuspiríache pétalos, Pereiro,
pombas che cuspiría como salmos,
un río Mao de sombro, serpe ou vea
a baleirarse azul na túa boca.
estrelas incendiadas contra a noite,

Cuspiríache tempo nas pupilas,
raíces de zugar buscando a auga
na transparencia pura dos orballos.

Cuspiríache a furia que nos pides,
a necesaria furia, o fondo abraio,
a mensaxe de vida que reclamas.

Mais ti non vas na sombra, ti non morres,
a luz anda contigo, reverdeces
na vertixe da dor e da terrura,
no alemto dos teus versos, na palabra
que molla o cuspe teu, tan poderoso.

Non cómpre un epitafio, non hai morte,
todo treme no amor do teu recordo,
víbrache enteiro o sangue cando cantas.

Ancorou no teu corpo a eternidade,
o sol que non se apaga aluma o día
en que a vida que foi rotouna nova.

Somos nós quen pedimos que o teu cuspe
siga quentando o mundo, os mil Chiapas,
a loitar polas víctimas de sempre,
que todos somos Marcos deixas dito,
e non se perde voz que quixo tanto.
(23-V-2000)

No hay comentarios: