jueves, 7 de octubre de 2010

A PRAIA DOS AFOGADOS

A praia dos afogados. Velaiquí o primeiro título dos recomendados polo Departamento de Lingua para este curso 2010-2011.
Polo que vemos, os integrantes do Clube de Lectura xuvenil  xa saben algo deste libro. A eles e mais a vós, sobre todo aos de 4º, animámosvos a que vos adentredes na nosa novela negra a través da primeira obra en que Domingo Villar nos presenta o inspector Leo Caldas: Ollos de auga. Este libro tamén está na biblioteca.

Coma sempre, aquí tedes o voso espazo para opinardes sobre esta lectura.
Deixámosvos dous interrogantes:
O Rubio, suicidio ou asasinato?
Quen é Carlos Oroza?

Gozade coa lectura.

viernes, 1 de octubre de 2010

OS ELFOS FALAN GALEGO

E seguimos coas linguas. Acaban de chegarnos á biblioteca os dous primeiros libros da triloxía de James Herbert "Herbie" Brennan, traducidos xa a máis de vinte idiomas.

Este irlandés, xornalista e deseñador de xogos de mesa e programas informáticos, trasládanos a un mundo de fantasía con personaxes completamente verosímiles.

N'O portal dos elfos, o príncipe herdeiro deste reino ten que fuxir ao mundo dos humanos para salvar a vida. O problema xorde cando os seus inimigos sabotan o portal máxico que debía transportar a Pyrgus e non aparece onde el pensaba.

N'O Emperador Púrpura, Pyrgus, o príncipe herdeiro, ocupa o lugar de Emperador cando morre seu pai. Mais este volve do alén e Pyrgus e a princesa HollY Blue deben evitar que o reino caia nas mans dos malvados elfos da noite.

jueves, 23 de septiembre de 2010

BENVIDAS E BENVIDOS!


En italiano, en gaélico, en francés, en inglés, en chinés, en éuscaro, en vietnamita, en portugués, na nosa lingua, na vosa lingua:

BENVIDAS E BENVIDOS 
un ano máis a este blogue do Departamento de Lingua e mais de  Dinamización da Lingua Galega.

E sobre todo, queremos darlle a nosa máis agarimosa benvida a todo o alumnado que vén por vez primeira ao noso instituto. Tamén botaremos en falta eses mozos e mozas que remataron a súa estadía nestas aulas. E, como non, estrañamos xa a Antonia e a Pilar, profesoras e compañeiras de Biblioteca que de seguro nos lerán desde outros centros.

 Neste blogue atoparedes información sobre os libros de lectura que vos recomendamos para este curso, sobre as novidades que se van fichando para a biblioteca..., sobre as actividades que levemos a cabo desde o Departamento de Dinamización.


Para todos vós, sabedes que aquí tedes o voso espazo para compartirmos lecturas, lingua e amizade.

 BO DÍA!

viernes, 28 de mayo de 2010

REGUEIFEANDO

Que treme a nosa literatura popular, que no IES Catabois temos unha canteira de regueifeiras e regueifeiros que dá xenio velos. Mirade xa que carteliño de benvida lles tiñan preparado ao Luís o Caruncho e mais a Josiño da Toxeira.

Queredes unha mostra do que aprendeu o noso alumnado?


Messi levou o balón
meteu tres na portería
acabou vendo o partido
porque foi á enfermería.


Aprenderon a orixe da regueifa, a arte de combinar versos octosílabos con rima asoante nos impares sen ter que chapar ningunha teoría. Aprenderon o importante que é o ritmo que imprime a música. Aprenderon a valorar o seu propio inxenio e capacidades para compoñer. Velaí outra regueifa:


Temos que coidar o idioma
para non o estragar
porque de seguir así
perderemos o falar

viernes, 21 de mayo de 2010

Aquí vén o maio... Vós trouxéstesnos o maio

Si, vós, o alumnado de 4º da ESO, un ano máis cubristes de primavera o frío arame.
Dámoslles as grazas tamén a todas e a todos aqueles que nos trouxestes flores e "verde" para o maio do IES Catabois.
O Departamento de Lingua e Literatura déixavos "O Maio" de Curros Enríquez.
E se queredes escoitalo feito canción entrade neste aquí.
Aquí vén o maio
de frores cuberto....
puxéronse á porta
catándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.

Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de dono liberto
i o pan no me quiten
trabucos nin préstemos,
e como’os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

jueves, 20 de mayo de 2010

UXÍO NOVONEYRA Á MOCIDADE. PARA VÓS.

Nesta obra de Xosé Lois García, onde nos achega material documental inédito sobre o poeta do Courel, podedes ler o que Uxío pensa de vós. Velaquí tedes algúns fragmentos:

Despois de tantos facendo as Letras Galegas, quero decir facendo o "Rito das Letras Galegas", seméllame que iste recital da miña obra poética non é tal senón o recital da obra dun poeta antigo ou polo menos doutra época. Tan distante se puxo esta Galicia d'hoxe do mundo actual da mocedade dos meus soños e dos que a soñaron conmigo, dos que a soñaron outra (...).
Por eso vosa é xa toda a responsabilidade do voso futuro. (...)
 Sólo tendes a vosa mocedade. O tesouro perdedizo da vosa mocedade. E a tiberdade de atopar o soño que ninguén vos trasmitiu.  O soño da patria. O soño do home humán, o soño dun futuro certo que algúns non sei onde sacamos. 
Pero eu xa cáseque son sólo memoria e hoxe todo o mais que podo sr é memoria do que foi o meu canto, que reperirei coma se fora de outro (...). Por un poeta que soñou Galicia, que levou Galicia como única cousa...
Por eso quizaves encontraredes estas palabras xa doutro tempo.
Eu mesmo me pasmarei, me sorprenderei, das que foron miñas palabras tanto coma vos. I é que xa non son miñas senón de quen as reciba e as pase a outros. De alguén, que podedes ser vós, se asumides a responsabilidade de Galicia."

Tedes Uxío Novoneyra. Home e terra na exposición da entrada. Pedídenolo en préstamo na biblioteca. 

lunes, 17 de mayo de 2010

O TEU DÍA, UXÍO; O NOSO DÍA.

E se queredes escoitar algúns dos seus poemas musicados, non deixedes de clicar aquí