sábado, 27 de noviembre de 2010

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, SEMPRE VIVO, NA NOSA BIBLIOTECA

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá, Lugo en 1913. Estudou Dereito e Filosofía. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, compartiu amizade e inquedanzas galeguistas cos homes de Nós. No pazo de Trasalba, Otero Pedrayo ata tiña un cuarto só para el. Militou no Partido Galeguista durante a república. Logo da Guerra Civil, colaborou cos movementos políticos e culturais da emigración en Bos Arires. Foi un dos fundadores da Editorial Galaxia (1950) xuanto con Ramón Piñeiro e Xaime Couto Illa. Promoveu a inauguración da Biblioteca Penzol, da que foi director, e a revista Grial. Participou na fundación do Partido Socialista Galego. En 1995 doou á dicade de Vigo a súa colección bibliográfica, que constitúe a Bibblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. Foi articulista en distintas publicacións e xornais, asinando co seu propio nome ou baixo pseudónimos como: Salvador Lorenzana, Adrián Solovio, Adrián Soutelo e Cosme Barreiros.
Ante todo, foi escritor.

Membro do Consello da Cultura Galega, membro numerario da Real Academia Galega que chegou a presidir en 1997 (a resposta ao seu discurso de ingreso deulla Ricardo Carvalho Calero). Membro tamén da Asociación Internacional de Críticos Literarios.
Recibiu varios premios, entre eles a Medalla Castelao, o Premio de Creación Cultural da Xunta de Galicia...
Mais ante todo, el era escritor. Xa  cumpridos os 90 escribirá o seu segundo libro de memorias: Camiño andado.

En 2009, ante a pregunta de se habería un terceiro libro de memorias el di:
Xa non, porque escribo moi pouco e dun xeito rarísimo. Eu non podo ver, pero durmo pouco polas noites. Como teño tantos anos e tan boa memoria,vou recordando experiencias e lecturas e pola mañán, cando me levanto, revivo eses recordos e póñome a escribir nunha máquina vella, unha máquina na que coñezo o teclado de memoria, polo oficio. Sen ver, ás veces confundo unha letra do teclado coa veciña e daquela sae unha mestura que nin eu entendo. Lévolle o texto á secretaria na Casa Galega da Cultura para que mo pase ao ordenador, léemo e sobre a marcha fago ás correccións oportunas.
 
En agosto de 2010 decide retirarse da escrita.

Deixemos que sexa o propio autor quen nos fale da súa vida:



Se queredes ler o seu pensamento galeguista, témolo para vós na biblioteca, tamén podedes acceder a fragmentos da súa obra.

Neste vídeo cóntanos: Por que comecei a escribir.


Gozade coa lectura.

miércoles, 17 de noviembre de 2010

UN HOME ÍNTEGRO

Reparade no titular desta nova:

Agustín Fernández Paz non acepta o Premio da Cultura Galega

Se cadra, preguntarédesvos: Como é que un escritor pode rexeitar un premio?

Lede o artigo completo en RADIOFUSIÓN e xulgade vós. E..., por que non? Deixade o voso comentario como o están a facer galegos e galegas comprometidos coa lingua.

Velaí vos vai un petisco para abrirdes boca:  

O escritor Agustín Fernández Paz fixo pública esta tarde a súa decisión de non aceptar o Premio da Cultura Galega concedido pola Xunta de Galicia na categoría das Letras. O literato remítese a un comunicado de Prolingua do pasado 8 de outubro, no que se afirmaba que "nin a actual Xunta nin o seu Presidente, responsables ante a Historia de lexislaren por vez primeira contra a nosa lingua, e polo tanto contra o marco xurídico e fronte ao consenso que posibilitou a súa presenza pública, poden atribuírse agora o papel de benfeitores da cultura galega".

jueves, 7 de octubre de 2010

A PRAIA DOS AFOGADOS

A praia dos afogados. Velaiquí o primeiro título dos recomendados polo Departamento de Lingua para este curso 2010-2011.
Polo que vemos, os integrantes do Clube de Lectura xuvenil  xa saben algo deste libro. A eles e mais a vós, sobre todo aos de 4º, animámosvos a que vos adentredes na nosa novela negra a través da primeira obra en que Domingo Villar nos presenta o inspector Leo Caldas: Ollos de auga. Este libro tamén está na biblioteca.

Coma sempre, aquí tedes o voso espazo para opinardes sobre esta lectura.
Deixámosvos dous interrogantes:
O Rubio, suicidio ou asasinato?
Quen é Carlos Oroza?

Gozade coa lectura.

viernes, 1 de octubre de 2010

OS ELFOS FALAN GALEGO

E seguimos coas linguas. Acaban de chegarnos á biblioteca os dous primeiros libros da triloxía de James Herbert "Herbie" Brennan, traducidos xa a máis de vinte idiomas.

Este irlandés, xornalista e deseñador de xogos de mesa e programas informáticos, trasládanos a un mundo de fantasía con personaxes completamente verosímiles.

N'O portal dos elfos, o príncipe herdeiro deste reino ten que fuxir ao mundo dos humanos para salvar a vida. O problema xorde cando os seus inimigos sabotan o portal máxico que debía transportar a Pyrgus e non aparece onde el pensaba.

N'O Emperador Púrpura, Pyrgus, o príncipe herdeiro, ocupa o lugar de Emperador cando morre seu pai. Mais este volve do alén e Pyrgus e a princesa HollY Blue deben evitar que o reino caia nas mans dos malvados elfos da noite.

jueves, 23 de septiembre de 2010

BENVIDAS E BENVIDOS!


En italiano, en gaélico, en francés, en inglés, en chinés, en éuscaro, en vietnamita, en portugués, na nosa lingua, na vosa lingua:

BENVIDAS E BENVIDOS 
un ano máis a este blogue do Departamento de Lingua e mais de  Dinamización da Lingua Galega.

E sobre todo, queremos darlle a nosa máis agarimosa benvida a todo o alumnado que vén por vez primeira ao noso instituto. Tamén botaremos en falta eses mozos e mozas que remataron a súa estadía nestas aulas. E, como non, estrañamos xa a Antonia e a Pilar, profesoras e compañeiras de Biblioteca que de seguro nos lerán desde outros centros.

 Neste blogue atoparedes información sobre os libros de lectura que vos recomendamos para este curso, sobre as novidades que se van fichando para a biblioteca..., sobre as actividades que levemos a cabo desde o Departamento de Dinamización.


Para todos vós, sabedes que aquí tedes o voso espazo para compartirmos lecturas, lingua e amizade.

 BO DÍA!

viernes, 28 de mayo de 2010

REGUEIFEANDO

Que treme a nosa literatura popular, que no IES Catabois temos unha canteira de regueifeiras e regueifeiros que dá xenio velos. Mirade xa que carteliño de benvida lles tiñan preparado ao Luís o Caruncho e mais a Josiño da Toxeira.

Queredes unha mostra do que aprendeu o noso alumnado?


Messi levou o balón
meteu tres na portería
acabou vendo o partido
porque foi á enfermería.


Aprenderon a orixe da regueifa, a arte de combinar versos octosílabos con rima asoante nos impares sen ter que chapar ningunha teoría. Aprenderon o importante que é o ritmo que imprime a música. Aprenderon a valorar o seu propio inxenio e capacidades para compoñer. Velaí outra regueifa:


Temos que coidar o idioma
para non o estragar
porque de seguir así
perderemos o falar

viernes, 21 de mayo de 2010

Aquí vén o maio... Vós trouxéstesnos o maio

Si, vós, o alumnado de 4º da ESO, un ano máis cubristes de primavera o frío arame.
Dámoslles as grazas tamén a todas e a todos aqueles que nos trouxestes flores e "verde" para o maio do IES Catabois.
O Departamento de Lingua e Literatura déixavos "O Maio" de Curros Enríquez.
E se queredes escoitalo feito canción entrade neste aquí.
Aquí vén o maio
de frores cuberto....
puxéronse á porta
catándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.

Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de dono liberto
i o pan no me quiten
trabucos nin préstemos,
e como’os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.