viernes, 28 de mayo de 2010

REGUEIFEANDO

Que treme a nosa literatura popular, que no IES Catabois temos unha canteira de regueifeiras e regueifeiros que dá xenio velos. Mirade xa que carteliño de benvida lles tiñan preparado ao Luís o Caruncho e mais a Josiño da Toxeira.

Queredes unha mostra do que aprendeu o noso alumnado?


Messi levou o balón
meteu tres na portería
acabou vendo o partido
porque foi á enfermería.


Aprenderon a orixe da regueifa, a arte de combinar versos octosílabos con rima asoante nos impares sen ter que chapar ningunha teoría. Aprenderon o importante que é o ritmo que imprime a música. Aprenderon a valorar o seu propio inxenio e capacidades para compoñer. Velaí outra regueifa:


Temos que coidar o idioma
para non o estragar
porque de seguir así
perderemos o falar

viernes, 21 de mayo de 2010

Aquí vén o maio... Vós trouxéstesnos o maio

Si, vós, o alumnado de 4º da ESO, un ano máis cubristes de primavera o frío arame.
Dámoslles as grazas tamén a todas e a todos aqueles que nos trouxestes flores e "verde" para o maio do IES Catabois.
O Departamento de Lingua e Literatura déixavos "O Maio" de Curros Enríquez.
E se queredes escoitalo feito canción entrade neste aquí.
Aquí vén o maio
de frores cuberto....
puxéronse á porta
catándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.

Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de dono liberto
i o pan no me quiten
trabucos nin préstemos,
e como’os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

jueves, 20 de mayo de 2010

UXÍO NOVONEYRA Á MOCIDADE. PARA VÓS.

Nesta obra de Xosé Lois García, onde nos achega material documental inédito sobre o poeta do Courel, podedes ler o que Uxío pensa de vós. Velaquí tedes algúns fragmentos:

Despois de tantos facendo as Letras Galegas, quero decir facendo o "Rito das Letras Galegas", seméllame que iste recital da miña obra poética non é tal senón o recital da obra dun poeta antigo ou polo menos doutra época. Tan distante se puxo esta Galicia d'hoxe do mundo actual da mocedade dos meus soños e dos que a soñaron conmigo, dos que a soñaron outra (...).
Por eso vosa é xa toda a responsabilidade do voso futuro. (...)
 Sólo tendes a vosa mocedade. O tesouro perdedizo da vosa mocedade. E a tiberdade de atopar o soño que ninguén vos trasmitiu.  O soño da patria. O soño do home humán, o soño dun futuro certo que algúns non sei onde sacamos. 
Pero eu xa cáseque son sólo memoria e hoxe todo o mais que podo sr é memoria do que foi o meu canto, que reperirei coma se fora de outro (...). Por un poeta que soñou Galicia, que levou Galicia como única cousa...
Por eso quizaves encontraredes estas palabras xa doutro tempo.
Eu mesmo me pasmarei, me sorprenderei, das que foron miñas palabras tanto coma vos. I é que xa non son miñas senón de quen as reciba e as pase a outros. De alguén, que podedes ser vós, se asumides a responsabilidade de Galicia."

Tedes Uxío Novoneyra. Home e terra na exposición da entrada. Pedídenolo en préstamo na biblioteca. 

lunes, 17 de mayo de 2010

O TEU DÍA, UXÍO; O NOSO DÍA.

E se queredes escoitar algúns dos seus poemas musicados, non deixedes de clicar aquí

domingo, 16 de mayo de 2010

SIGNIFICADO DO DÍA DAS LETRAS PARA UXÍO

Víspera das Letras Galegas 1996

Palabras do Presidente da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) Uxío Novoneyra:

"Pero ¿qué siñifican? ¿qué se celebra como Letras Galegas? ... ¿Celébrase acaso a decisión dos escritores en Lingua Galega dendes de fai 150 anos a recuperar a Lingua como tal e como símbolo vivo e como forma da nación galega?

O escritor galego foi o primeiro en descubrir e remarcar a identidade e diferencia do home galego que fundamenta ise feito e dereito de nación. O escritor galego foi en anos difíciles a última resistencia conscente da siñificación da Lingua.
(...) Nós non escollemos unha lingua en peligro. Somos dela profundamente como o somos do planeta. Por eso se destingue ás Letras Galegas como o principal día nacional de Galicia: porque os escritores en Lingua Galega tuveron que asumir e asumiron esa responsabilidade longa.

Certamente a responsabilidade da Lingua é de todos, non só des escritores en Lingua Galega nin dos nacionalistas defensivos ou críticos. (...)

É hora xa de dar un paso máis, un paso decisivo pra normalización da Lingua. Sabemos todos que o proceso normalizador do Galego está estancado. (...)"

Hai 14 anos das palabras do "lobo" (como era coñecido Uxío entre os integrantes do grupo Brais Pintoe... que actuais semellan! 

jueves, 13 de mayo de 2010

SON UXÍO

Velaí tedes o boletín de Uxío Novoneyra.


"Son Uxío" di o seu título.


Sabiades que foi o escritor lugués Ánxel Fole quen comezou a chamarlle Uxío, cando xa era mozo?

E sabiades que o seu apelido é a unión dos dous que se len na súa partida de nacemento?: "Eugenio Novo Neira".

Gozade coa lectura dos seus versos.


miércoles, 12 de mayo de 2010

UXÍO NOVONEYRA: DO COUREL A COMPOSTELA??

E por que non, D'As Mariñas a Catabois? Sería bo título para o boletín do Día das Letras que axiña ides ter á vosa disposición.

Este ano, o homenaxeado das nosas Letras é Uxío Novoneyra. Xa tedes unha exposición sobre a súa vida e obra colgada no corredor do instituto. Desde este blogue irémonos achegando un pouquiño máis a este autor.

Estarédesvos a preguntar: que ten que ver "o poeta do Courel" con Ferrol e con Betanzos? Pois ben, un dos puntos de unión é que, como xa sabedes os de 3º da ESO, os Departamentos de Lingua Galega do noso instituto e mais o do IES As Mariñas de Betanzos están a realizar un intercambio entre vós (epistolar e cultural). Xunto cos Departamentos de Normalización e mais a axuda das Bibliotecas confeccionaron o boletín das Letras. Pero aínda hai máis nexos de unión que descubriredes nas páxinas sobre Uxío. Arriscádesvos a dicirnos cales son?

Se queredes ir achegándovos á poesía deste bardo do século XX pasádevos pola biblioteca, o universo de Novoneyra agarda as vosas excursións.

martes, 11 de mayo de 2010

FOMOS AO CORRELINGUA!

Efectivamente, este ano todos os primeiros da ESO participastes da festa da Lingua.
Chegamos ao punto de encontro e alí estaban os outros catorce centros de Ferrolterra que ían compartir a xornada connosco.
Comezamos o percorrido e axiña as "Pandereteiras de San Xoán" nos amenizaron a marcha coa súa arte. As xentes do centro de Ferrol saían ás fiestras e ás portas dos comercios para escoitar as vosas compañeiras Antía, Sara, Elia, Iria, Raquel e Rocío.

Logo chegamos á Praza de Armas e aisitimos ás actuacións que para nós tiñan preparadas:
  • obra de teatro Zampón, o lambón a cargo da compañía Fanctoches Baj
  • leitura do manifesto
  • intervencións dos alcaldes de Ferrol e de Narón, 
  • o grupo de música Machina
  • e, como non, as pandereteiras de San Xoán. Velaí as tedes en plena actuación.
  •   Ah!, por certo! Alguén viu a Nerea e a Lois de 1º A na tele? Os da TVG fixéronlles unhas preguntiñas.
    Miguel, Laura, María e eu, que vos acompañamos, esperamos que tivésedes unha moi boa mañá.  Lembrade que vós sodes o futuro da Lingua.